FRaXILES (proyecto en power point)
A fraxilidade como calidade inherente á existencia que fai da vida un fluxo perpetuo de diminutas intermitencias.
Non é posíbel recoñecer a vida sen asimilar a morte en cadanseus pasos. O efémero constitúe a síntese de calquera intento de pervivencia. Do mesmo xeito que unha pinga de choiva pode chegar ao chan da selva, pequenos acontecementos pasaxeiros alentan esperanzas. O quebranto serve de temón para un continuo renacer.
Hai forma de recompor o danado sen a axuda do vento que transporta as pequenas sementes?
Se a fraxilidade desaparecese moitos ecosistemas extinguiríanse en cadea. Dela depende que a depredación non avance con aniquiladora capacidade.
Sen a xenerosidade da fraxilidade non habería transicións, como tampouco habería noite sen a inconsistencia do atardecer.
Aplanada pola forza, a vida sería apenas unha liña uniforme, unha autoestrada con orixe e final pero sen estacións para a escoita.
A diversidade é consustancial á fraxilidade. As linguas, as especies, as culturas, as mutacións que dan orixe a novas formas de vida dependen dela.
O seu antónimo: a fortaleza, aplicado ás sociedades, os lugares, o mundo, só leva en última instancia á extinción.
As pragas, a sobreexplotación, a voracidade son irreflexivas e veloces, non reparan nos pequenos e tenues matices, non se deteñen ante a observación de fenómenos, a contemplación dos accidentes, a mirada débil.
As transformacións, os cambios, pon ao descuberto o perecedoiro da vida. E á inversa, é a delicada fronteira entre ela e a morte o que provoca que tales cambios existan.
A falta de sensibilidade cara ao fráxil fai que se adormenten os sentidos, que perdamos o tacto polas pequenas fisuras curvilíneas, que esquezamos os vellos aromas detrás das simétricas construcións, que os minifundios de tenrura sexan suplantados por monocultivos de falsa vitalidade.
Faise necesario gardar en maletas retrincos de fraxilidade, para que poidan volver derramarse alá onde vaiamos.
É necesario reivindicar, chamar a atención do visitante, para que se asome ao interior das nosas maletas. E á inversa, fai falta proxectar desde a súa atesourada intimidade imaxes sen tempo, palabras case esquecidas.
Isto non é só un acto de resistencia cara á inercia, forma parte dun complexo mimetizarse co universo do que formamos parte.
Nunha cultura na que a visión viaxa a través de espellos, mutante, virtual, hai finas realidades que desaparecen a cada pouco.
Camiñamos nun mundo no que é imposible dar un paso sen facer ruído. A magnitude dos nosos movementos non deixa lugar para escoitar a fraxilidade.
Ela é líquida, é aromática.
No límite a beleza
as rachaduras de abismo
son diminutas
Os seres asómanse á sombra da dúbida
para bicar horizontes.
Non hai ruptura tras a ruptura
detrás da fraxilidade está o ceo
da noite.
Deixar pasar o tempo
sen facer ruído
sen romper nin unha soa
das burbullas
Quedar ancorado
á espera
diante da porta
Mentres aos nosos pés
os camiños andan
sen deterse.
Dos muros só quedaran os seus restos
e o sufrimento será esquecido
Os berros non sobrevivirán ao silencio
Pero a esperanza que xace
volverá a brotar
cos pétalos
cos ollos dos nenos
coa terra
e as follas do chan.
A forza que tomba as palabras
non é suave
a violencia que arrasa a memoria
non é delicada
a guerra que torce e borra os xestos
non é pasaxeira
A tenrura
sobrevívise
randéase
e sorrí.
Os máis débiles
os máis indefensos
os mais pequenos
coas súas vidas pagan
os excesos
as ambicións
a bravura
os soños
os apetitos
a grandilocuencia
de fortes e poderosos.
Os idiomas silvestres se evaporan entre as feces
das élices
dos xeradores
de claros nas selvas
Os vellos mariñeiros morren sen contar
a súa historia
a súa voz entre sarmientos
a súa fondura
As fontes tróvanse xa no interior das presas
sen que os vales
esperten
O mundo toleou desde entón
non se sabe cando.
Avanza a velocidade a paso de viaduto
perforando túneles no subconsciente social
Hai fragrancias que non teñen lugar onde seren recordadas
A mancheas o territorio é ocupado
desde a primeira liña ata a última márxen
Hai palabras que non se atopan na realidade
Treme a penumbra nas autoestradas das redes
Hai baleiros que non deixan pensar.
Un alento
uns bicos
e os surcos desaparecen
A lentitude acariña as retinas
a pel húmida póusase
o son das plantas enraíza
Fotograma a fotograma
a luz respira.
As pedras muelen a memoria
e deixan a branca simiente
no fondo do río
Non hai ironía para a ignorancia
Non hai egoísmo displicente
Non hai gama de cor
sin o entusiasmo que se aventura
apenas un instante
que permanece.

